O fracaso do neoliberalismo. Unha perspectiva de clase
Saltaron as alarmas.
Primeiro rebentou a burbulla da especulación inmobiliaria. Esa que segundo os voceiros do sistema, non existía ou ía ter un final tranquilo (“progresiva desaceleración” dicíanlle). Xa vemos como foi de tranquila esa “aterraxe suave”: grandes bancos quebrados en Estados Unidos e o Reino Unido, milleiros de millóns de euros xenerosamente aportados polo Banco Central Europeu para salvar (de momento) as bolsas, 3 millóns de familias norteamericanas ficando sen vivenda nos vindeiros meses. Unha desfeita que nos amosa que rápido os defensores do neoliberalismo recorren ao Estado para sacarlle ao Capital as castañas do lume, aqueles que tan contrarios eran ao “intervencionismo do Estado na economía”. Hipócritas!!!
Sen darnos tempo para respirar, xa aparece outra treboada no horizonte económico: a crise alimentar. Non pasa un día sen o anuncio dunha revolta en Haití porque o prezo do arroz (o prato único e escaso dos pobres) multiplicouse por dous en 6 meses. Ou con mobilizacións obreiras en Exipto  (bestialmente reprimidas polos esbirros de Mubarak, por certo) pedindo máis salarios para afrontar a suba dos prezos (e liberdade sindical para poder reivindicar esas melloras). E así dun país a outro.
Non falemos da imparábel ascención da cotización en bolsa dos prezos do petróleo e derivados.
Será casualidade que cando o diñeiro dos ricos fuxe dunha burbulla aparece outra en formación? Non será que os mesmos que hai 10 anos incharon o globo inmobiliario e amasaron fortunas (ollo: para que alguén gañe nesa ruleta, ten que haber moitos que perdan), agora están apostando nunha puxa sobre as materias primas e os alimentos, levando os prezos ate as nuves, e provocando con iso a condena a morte por fame de centos de millóns de persoas? Todos os dados confirman que así é. E todo o diñeiro que os governos aporten ao sistema financeiro (disque para evitar unha catástrofe económica) servirán na realidade para facilitarlle a esa minoría de supermillonarios aumentar máis e máis rápido as súas fortunas, nunha expansión infinita do lucro do Capital que arrastra a humanidade e o planeta cara a barbarie e a extinción.
Isto non é novo. Xa a revolucionaria alemá, Rosa Luxemburgo enunciaba a principios do século XX que o capitalismo abocaba a humanidade traballadora a unha simple alternativa: ou Socialismo ou Barbarie.  Hai agora 160 anos que Marx e Engels sentaron (no Manifesto do Partido Comunista) os fundamentos dunha análise científica do funcionamento do capitalismo e demonstraron, en outras obras, as leis internas que rixen inexorabelmente a súa complexa mecánica.  Simplificando moito, o marxismo estableceu (e a historia confirma esa conclusión) que a explotación do Traballo polo Capital (isto é: a acumulación en máns dos empresarios de riqueza-beneficio crecente producida polos asalariados e non redistribuída en forma de salario) conduce necesariamente á Crise de sobre-produción (demasiadas cousas non teñen quen as merque, e o capital que as producíu se deprecia); e esa crise non ten máis saída que a destrución do “sobrante” (tanto do capital sobrante como dos traballadores sobrantes) para logo iniciar un novo ciclo de expansión e lucro maior. De aí resultaron a 1ª Guerra Mundial coa masacre de 20 millóns de persoas/traballadoras e o novo reparto das colonias e a 2ª Guerra Mundial que arrasou Europa enteira  e media Asia e deixou máis de 55 millóns de mortos.
A principios dos anos 70 rebentou unha nova crise xeral do sistema que aínda non foi “resolta”. A existencia do bloque de países socialistas e a forza dos movimentos anticolonialistas do Terceiro Mundo, xunto coa necesidade de manter o chamado “estado do ben-estar” (a sociedade consumista que alonxe aos traballadores das arelas revolucionarias), levaron ao Capital a unha saída temporal, un paliativo: o neoliberalismo. A receita consistiu en privatizar empresas, levar a produción para sitios nos que o traballo vale menos salario, irlle sacando pouco a pouco dereitos e subsidios aos traballadores e traballadoras, roubar canto poden (materias primas,etc) nos países dependentes, e ao final, repartirse (a navalladas) os beneficios nese casino chamado a Bolsa.
Como xa estamos a ver, ese modelo chegou a un ponto-límite. Cando se xoga coas cousas de comer, as consecuencias poden ser diferentes das previstas.
As crises, cando se manifestan afectando a todo o sistema de vida da poboación traballadora, cuestionando seguridades relativas que xa eran ben fráxiles, levando a millóns de seres ao borde da desesperación, tamén poden ser a oportunidade de o Traballo organizar a resistencia ao Capital, e construír unha alternativa de sociedade que remate coa explotación, a dependencia dos pobos e garanta un futuro para a humanidade. Esa é a tarefa á que están obrigadas todas as persoas que procuran a xustiza social e a soberanía nacional. Eis o reto histórico que a crise lle coloca ao pobo traballador e aos revolucionarios: avanzar cara o horizonte do socialismo, da liberdade.
www.polabase.org
| Paypal (seguro y permite diferentes formas de pago) | |
| Microdonación de 2 euros | Donación de importe libre |